Wednesday 08 de May de 2024

O Concello lanza unha app móbil que narra a historia de Emilia Pardo Bazán en realidade aumentada


A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá na praza de María Pita esta iniciativa enmarcada na programación municipal de actividades co motivo do centenario do pasamento de dona Emilia

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá na praza de María Pita unha aplicación móbil que narra a historia de Emilia Pardo Bazán en realidade aumentada. A ferramenta, dispoñible desde mañá para Android e iOS, co nome de “A Coruña de Emilia Pardo Bazán”, ofrecerá un roteiro coas localizacións máis características da Marineda –así denominaba a escritora á súa cidade natal– de dona Emilia, amosándose á cidadanía dunha nova forma, inmersiva e interactiva.

A rexedora explicou que “se trata dun roteiro que nos descobre A Coruña de Emilia Pardo Bazán da man da escritora, que irá relatando coa súa voz recreada e transportando aos distintos espazos nos que ela desenvolveu a súa vida e a súa produción literaria”. Lugares emblemáticos da nosa cidade, sinalou Rey, a través dos cales coñeceremos “a historia desa Marineda que ela tan ben relatou e viviu”.

Estes lugares son a praza da Palloza, onde se relata a historia das cigarreiras en referencia á súa obra “La Tribuna”; a praza de María Pita, onde se narra a historia da cidade co enfoque da emigración, cultura e historia da Coruña; o monumento a Pardo Bazán nos Xardíns de Méndez Núñez, onde se conta a súa experiencia fácendose un oco no mundo da literatura española, e a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán na rúa Tabernas, onde se abre a parede e vese a reconstrución do estudo de dona Emilia cun enfoque máis familiar.

Esta iniciativa é unha das máis de 40 actividades que o Concello organiza este ano con motivo do centenario de Emilia Pardo Bazán que chegará ao seu punto álxido, apuntou a  alcaldesa, no mes de setembro coa exposición “Emilia Pardo Bazán. El reto de la modernidad”.

Nos meses estivais, a programación do #EPB100, ademais de continuar coas conversas na Casa-Museo e os roteiros, centrarase na tradicional Feira do Libro e nunha homenaxe ás cigarreiras coruñesas. Xa en setembro, contaremos coas representacións teatrais no Rosalía de Castro de “Los Pazos de Ulloa” e “La Tribuna”. No mesmo mes, celebraranse dous congresos internacionais sobre a figura da condesa no ámbito académico a cargo de da Real Academia Galega e a Universidade da Coruña e terá lugar a inauguración da mostra “El Reto de la Modernidad” no Kiosco Alfonso e unha serie de visitas e concursos escolares.

En outubro, o Teatro Colón acollerá a representación de “Mi miquiño del alma” e o proxecto musical de Joaquín Pixan “Música na poesía de Emilia Pardo Bazán” e haberá unha nova edición das conversas. En novembro proxectaranse no Teatro Colón unha serie de obras audiovisuais baseadas na condesa e o seu legado, así como unha exposición da Sociedade Filatélica e máis conversas na Casa-Museo. Decembro pechará o ano coa última edición das conversas e unha publicación inédita arredor da escritora.

Pola súa banda, o fundador da empresa creadora desta aplicación, Xoel Vázquez Dios, indicou que se trata de “empregar a tecnoloxía da realidade aumentada para cambiar o paradigma do xeito en que contamos unha historia”. “A propia Emilia aparecerá en 3D, como se a tivésemos diante, e vainos explicar da súa propia voz a historia da cidade, acompañada doutros elementos 3D que nos axudarán a mergullarnos na historia como se a estivésemos a vivir”, explicou.